CCOO cualifica de insostible un crecemento do emprego baseado na precariedade.
CCOO coida “urxente” que os orzamentos inclúan medidas “efectivas” para recuperar a calidade do emprego.
ondacero.es
Ourense | 04.12.2018 12:53
A insignificante baixada do paro no mes de novembro en 334 persoas reflicte con meridiana claridade que outro mes máis a economía provincial segue estancada e que os datos de conxunto seguen sendo negativos, reflexo da ralentización da actividade económica xa de por si feble estruturalmente. CCOO consideramos que é imprescindible mudar un modelo produtivo xa obsoleto acometendo as reformas precisas que consoliden a recuperación de sectores produtivos importatantes como a industria.
O actual modelo está «íntimamente ligado á conxuntura» polo que, cando esta cambie, perderase o emprego asociado. Galicia e, máis urxentemente, Ourense precisan dun modelo produtivo diversificado, no que primen o coñecemento e o valor engadido coa finalidade de crear emprego estable e de calidade. Persiste a alta temporalidade O trazo definitorio da contratación na nosa provincia é a elevada temporalidade.
Cada vez con máis contratos a tempo parcial e cun predominio absoluto da contratación temporal (89%); no mes de novembro formalizáronse 1.366 contratos menos que en outubro, sendo o sector máis afetado o de servizos con 1.335 contratos por obra ou servicio e 2.083 contratos eventuais por circunstancias da producción. A macroeconomía ten mellorado, non dubidamos dos datos, máis os efectos da crise seguen presentes nunha provincia coma a de Ourense.
A recuperación económica é máis estatística que real. En Ourense, temos menos emprego e un mercado laboral cada vez máis precario que trae como consecuencia un aumento da pobreza. CCOO consideramos indispensable un contrato social das distintas forzas políticas, sindicais, empresariais e sociais, para tentar salvar a nosa provincia, con compromisos de solución dos graves problemas endémicos que lle afectan e que se tornan crónicos: economía feble e de pouco valor engadido, problemas infraestruturais, baixos salarios, temporalidade e precariedade dos contratos, perda de poboación, envellecemento da mesma, abandono do rural, emprobrecemento.
Si non hai un compromiso por parte de todos os actores sociais a nosa provincia caerá no abandono e a decadencia. É urxente tomar medidas, pero, por desgraza, de momento non se ve moito interés por parte dos nosos gobernantes.